Thursday 09 de May de 2024

Primeiro pleno de Arousa Norte no 2016


Conscientes do momento crucial que está a vivir a mancomunidade, os alcaldes de Arousa Norte tomaron no día de hoxe importantes decisións no marco do primeiro pleno da entidade no 2016: decisión que pasa en primeiro lugar pola renovación dos cargos directivos e a asunción da presidencia por parte do rexedor de Riveira, Manuel Ruiz, incluíndo tamén outros acordos.

Así, aprobouse incrementar nun 20% as aportacións dos Concellos, o cal permitirá a aprobación duns orzamentos con fondos propios de 200.000 euros. Ademais, tamén se deu luz verde á estratexia 2016 que, froito do convenio que está previsto asinar coa Axencia de Turismo de Galicia, terá unha contía de 100.000 euros este ano e irá dirixido ao desenvolvemento dun turismo sostible, accesible, cultural e deportivo.

Por outra parte, os catro alcaldes concordaron na idoneidade de potenciar a estratexia de Arousa Norte relacionada co mar e co Camiño de Santiago, na que se fará un estudo do camiño terrestre que utilizaban os pelegríns que recalaban nas nosas costas para continuar a ruta xacobea ou ben a emprendían dende aquí.

Tamén cómpre informar de que se aprobou a redacción dun manual de procedemento de coordinación dos distintos servizos municipais para a súa posta en común no seo da mancomunidade.

Por último, concluído o período de prórroga da xerencia, aprobouse sacar o novo concurso para os vindeiros dous anos, prorrogables por outros dous, nos que se fixa a estratexia 2016-2020.